Convivencia
Linguas Tecidas é un espazo onde trabucarse forma parte do proceso. Vimos practicar, tropezar coas palabras e axudarnos. Aquí ninguén fala á perfección, e iso é o bonito.
Cada persoa vén cunha lingua que quere practicar, e non sempre será a túa. Pero iso é xustamente o intercambio: ti axudas co que sabes e os demais axúdante co que saben. Estar aquí tamén é abrirse ao que precisan os outros, aínda que iso signifique saír un anaco da túa zona de confort lingüística. A curiosidade por calquera lingua, aínda que non sexa a que viñeches practicar, é o que fai que isto funcione.
Se alguén te corrixe, é porque quere axudarte. Se corrixes ti, faino con amabilidade. Escoita tanto como falas e deixa espazo para as voces máis tímidas.
Queremos que todo o mundo se sinta benvido, sexa cal sexa a súa orixe, lingua, xénero ou orientación. O que nos une é a curiosidade polas linguas e as ganas de coñecer xente.
O humor é benvido, sempre que non sexa a costa dos demais. Un bo ambiente constrúese entre todos.
Se algo te incomoda, podes dicírnolo. Queremos que isto funcione para todo o mundo.
Normas
O de arriba é como queremos estar. Isto é o que non aceptamos, nin nos encontros nin no grupo de WhatsApp.
- Ninguén se ri de como fala outra persoa: o seu acento, os seus erros, o seu nivel ou a lingua que escolle. Ningunha lingua nin ningunha forma de falala vale menos ca outra.
- Trata a todo o mundo con respecto. Os insultos, o acoso, as insinuacións e os comentarios que menosprezan a alguén por quen é, de onde vén ou no que cre non teñen sitio aquí, nin no grupo, nin nos encontros, nin por privado.
- Respecta os límites de cada persoa. Se alguén non quere seguir unha conversa, non insistas.
- No grupo, publica o que teña que ver co intercambio. Nada de spam nin de publicidade sen preguntar antes.
Se alguén non respecta estas normas, sacarémolo do grupo de WhatsApp e non será benvido nos encontros. Se é grave, non haberá aviso previo.
Se che pasa algo disto, escríbenos ou dillo a alguén da organización. Tratámolo con discreción.